Error
  • JFolder::create: Could not create directory
Error
  • JFolder::create: Could not create directory

Medio Ambiente, saúde e turismo sostible: o meu compromiso cos concellos galegos

icon Revista Concellos Galegos nº  33 - 2019 (O Faladoiro p.22-23).pdf (2.97 MB)


“Hai que sumar esforzos por parte de toda a sociedade, xa que o aire que respiramos, a auga que bebemos, os alimentos que inxerimos, o solo no que residimos e a paisaxe que contemplamos, non teñen nin cor político nin económico nin raza nin relixión…”.



Dada a estreita relación que manteño cos concellos galegos tras tres décadas de intensa labor desenvolvida no ámbito local, cando recibín a invitación da Fegamp para escribir un artigo na Revista CG , pensei que a mellor maneira de facelo era relatar algúns deses feitos e reflexionar sobre algunhas das cuestións ambientais que máis preocupan aos concellos.

Na líña das políticas da OMS de propoñer ambientes saudables, e coa esperanza de concienciar aos concellos galegos en mellorar a xestión ambiental, púxose en marcha en Galicia no ano 2000 o Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2020. No seu periplo itinerante pola xeografía galega contou coa participación de 256 concellos galegos e 6.400 ambientalistas nos 60 Cursos de Saúde Ambiental realizados. Recordo de forma moi agradable o paso por A Cañiza, A Coruña, A Estrada, Allariz, Arteixo, Baiona, Betanzos, Burela, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Carballo, Chantada, Castro Caldelas, Celanova, Cospeito, Ferrol, Foz, Guitiriz, Lalín, Lugo, Monforte de Lemos, Narón, Noia, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Grove, O Porriño, Ordes, Ourense, Padrón, Palas de Rei, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Santiago de Compostela, Silleda, Verín, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Viveiro e Xinzo de Limia, que acolleron esta iniciativa ambiental - pioneira e única no seu xénero- que me permitiu o privilexio de coñecer a fondo Galicia e aprender a querer con paixón a nosa terra e as súas xentes. Tras dúas décadas de labor desenvolvida, mantemos o noso compromiso e vocación de servizo público coa sociedade galega, e boa proba disto é a celebración do VIII Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde & Turismo Sostible no Salnés – LXI Curso de Saúde Ambiental, entre os días 26 e 28 de marzo de 2019.

Algúns dos problemas ambientais de carácter global e local que máis preocupan aos concellos galegos

As avaliacións de carácter ambiental máis recentes indicannos que a forma en que usamos os recursos naturais é insostible, o cal ven a dicirnos que estamos consumindo máis recursos naturais dos que o planeta pode producir. Os efectos acumulativos que causa a actividade humana deterioran a nosa saúde, a do planeta, e a súa capacidade para abastecernos. Hai que apostar polo modelo de economía circular que garantice o futuro do medio ambiente. As relacións entre economía e ecoloxía non teñen porqué ser conflictivas si se destinan suficientes recursos e se adoptan as medidas preventivas oportunas, xa que dispoñemos de instrumentos de xestión ambiental e tecnoloxías de saneamento, e é posible facer compatible o desenvolvemento coa protección do medio ambiente e a saúde.  

Os problemas ambientais dos que estamos a falar son diversos:  

A contaminación do aire e o cambio climático son as dúas caras da mesma moneda. Prodúcense ao ano máis de 8 millóns de mortes prematuras no mundo por exposición á contaminación do aire polo que é preciso desenvolver sistemas de monitoraxe da calidade do aire e contar con rexistros de saúde para mellorar a vixilancia de todas as enfermedades vinculadas a este tipo de contaminación. O cambio climático é unha consecuencia do quecemento global provocado pola emisión de gases de efecto invernadoiro, e temos que estar preparados para afrontar as posibles consecuencias coma o impacto da variación do clima nas persoas, establecendo una estratexia adecuada, sobre todo nas poboacións costeiras que serán as máis ameazadas. Aspectos como a planificación enerxética, a planificación urbanística ou a mobilidade verde, serán algunhas das claves a ter en conta para adiantarnos aos acontecementos e minimizar na medida que sexa posible as súas consecuencias. Os concellos gallegos teñen que sumarse ao Pacto Europeo dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía.  

A contaminación acústica constitúe tamén un problema sanitario e social de primeira orde contra o que hai que loitar para que sexamos capaces de manter os niveís de ruido ambiental nunhas márxes tolerables. Coa finalidade de minimizar os riscos e evitar que repercutan negativamente sobre a saúde da poboación, debemos elaborar mapas sonoros xunto coa posta en marcha das medidas correctoras oportunas. Non obstante, hai que ter en conta que debido á multitude de fontes sonoras que existen nas ciudades, resulta en mitos casos una utopía cumplir coas recomendación da OMS de 55 dB como nivel de ruído ambiental diurno.  

A presencia de gas radón - un gas radiactivo - en solos graníticos e os riscos que supón para a saúde das persoas, deixan á vista a necesidade de adoptar tamén as medidas necesarias para previr a súa incidencia no cancro de pulmón.

A xestión do ciclo integral da auga será un dos grandes piares para o desenvolvemento sostible no século XXI. A crecente presión que supón a demanda de auga de boa calidade – e en suficiente cantidade para todos os usos- esixe un considerable esforzo por parte das administracións implicadas na xestión de infraestruturas de saneamento e abastecemento de augas. Máis inversións en infraestruturas e servizos, un mantemento adecuado das ETAPs e EDARs, ou destinar máis recursos e un maior control por parte da administración, poden ser as claves para o futuro.

A xestión integral dos residuos tamén ten que deixar de ser un problema a convertirse nunha oportunidade, é decir, a finalidade debe ser transformar os residuos en recursos. É necesario impulsar a recollida selectiva e propiciar a participación cidadá para unha boa separación en orixe, coa finalidade de incrementar a redución, a reutilización e a reciclaxe. Ademais, aquelas fraccións que non sexan aptas para a reciclaxe, poderán someterse a unha incineración controlada, elixindo a mellor tecnoloxía dispoñible que sexa económicamente accesible e provista de esixencias para protexer o medio ambiente e a saúde pública.  

Para camiñar cara un urbanismo sostible, é necesario deixar atrás o feísmo e os desmáns urbanísticos, e buscar o equilibrio no aproveitamento urbanístico, xunto coa mobilidade sostible ou a integración na paisaxe. Tamén se deberán xestionar axeitadamente os parques empresariais para minimizar o seu impacto ambiental e sanitario sobre a poboación entre outras accións.

O que está claro é que Galicia ten un patrimonio natural inmenso cunha gran riqueza que é preciso protexer e conservar. Hai que dedicar os recursos necesarios para afrontar con garantías a resolución dos problemas ambientais, que permitan un desenvolvemento sostible e equilibrado, e que teña como obxectivos a protección da flora e a fauna, dos alimentos, das materias primas, do hábitat, do patrimonio natural e cultural, etc. que condicionan e sustentan a vida no noso planeta.


Pensar globalmente e actuar localmente, a través dunha política ambiental eficaz de carácter preventivo e integrada na política socioeconómica, é o camino a seguir. O patrimonio natural galego constitúe un piar de apoio fundamental de cara a fomentar o turismo sostible e de calidade, como unha das potencialidades da nosa terra, e que ten como buque insignia o Camiño de Santiago e o fenómeno da peregrinación xacobea. Pero son coñecedor de que os concellos teñen cada vez máis competencias ambientais e escasos recursos dispoñibles para afrontalas, polo que é necesario achegar máis recursos ao poder local para cumplir coas esixencias que demanda a sociedade. Que así sexa.


¡Sempre por Galicia e a favor da saúde ambiental do planeta e a igual dignidade de todos os seres humanos!  

Con gratitude e amizade,


Prof. Dr. Francisco Peña
FUNDADOR PROGRAMA GALEGO MUNICIPIOS SAUDABLES E SOSTIBLES 2000-2020
www.medioambienteysalud.com